Chámome Cristina Bugarín e traballo dende hai 17 anos no Despacho de
Abogados de Calixto Escariz, levando principalmene procedementos xudicias en
defensa dos montes veciñais.
Destacar que a reclamación do monte
veciñal de Salcedo ocupado polas instalacións do cuartel da BRILAT en
Pontevedra (cunha superficie, de nada mais e nada menos, de 172,5 Has.), é a
terceira reclamación deste tipo que gañamos neste despacho de abogados ante os
Tribunais de Xustiza.
Como sabedes, a primeira demanda deste
tipo que presentei foi no ano 2005 en reclamación do monte “Madroa” da
Comunidade de Teis (Vigo), ocupada polas instalacións do Zoo do Concello de
Vigo e, a segunda, foi no ano 2008 en reclamación do monte “Cotogrande” da
Comunidade de Cabral (Vigo), ocupado polas instalacións do aeropuerto de Vigo
do Ministerio de Fomento e AENA. As dúas reclamacións foron estimadas polos
tribunales de Xustiza, despois dun longo procedemento xudicial no primeiro caso
e mais curto no segundo.
O primeiro que temos que ter claro nos casos de ocupacións de montes
veciñais con instalacións públicas e que a Administración só negocia, só está
disposta a chegar a un acordo amistoso, cando hai unha sentencia xudicial que
dí que a CMVMC é a propietaria dos terreos que está ocupando a Administración.
Tedes que ter en conta que a Administración
está obrigada por Lei a defender a titularidad pública dos terreos que ocupa e,
polo tanto, non vale a pena estar perdendo o tempo en reunións cos distintos
cargos políticos de turno sobre un posible acordo amistoso, que supoña o
recoñecemento da propiedade veciñal sin pasar por un procedemento xudicial. Todo
o tempo e esforzo que se invirta nese posibe acordo amistoso será de balde,
pois a Administración non pode recoñecer sin mais a titularidade veciñal dun
terreo que está ocupando, senon que se necesita unha sentencia xudicial que así
o dispoña.
Cando Fernando Pintos, Presidente da Comunidade de montes de Salcedo,
chegou o noso despacho no ano 2009 para que lle reclamáramos o monte San Martín
ocupado polos militares durante máis dun século, esta idea captouna o instante. Tamén é
certo que os veciños de Salcedo viñan padecendo durante moitos anos a
intervención dos militares no seu monte veciñal, que o “usurparon” prácticamente
na súa totalidade (pois do monte San Martin só deixaron libre 14 has., que son as
que clasificou o Xurado de montes de Pontevedra como veciñal en man común),
intervención que chega a desbordar a paciencia dos veciños cando no ano 2007 o
Ministerio de Defensa aproba unha desorbitante ampliación da franxa de
seguridade dos terreos do cuartel, que supuña deixar afectadas unha gran
cantidade de terreos e viviendas que se atopan no entorno do perímetro ocupado
polos militares, o que provocou a chispa que fixo estallar o levantamento dos
veciños contra a ocupación militar e dixeron: BASTA, ATA AQUÍ CHEGAMOS, NON SÓ NON IMOS A PERMITIR QUE AFECTEDES
AS NOSAS VIVENDAS, SENON QUE IMOS A RECLAMAR O NOSO MONTE VECIÑAL.
A segunda cuestión que debedes ter en conta e que non importa o tempo que
leve ocupando a Administración os vosos montes veciñais. No caso do monte de
Salcedo a ocupación se remontaba a finais do século XIX, en
virtude dunha “orde telegráfica” do Ministerio da Guerra do ano 1898, pola que
se procedeu a ocupación de 32,5 Has. do monte San Martin (xunto con outra
ocupación de monte veciñal da parroquia de Figueirido), co consentimento dos “Alcaldes de Pontevedra y Vilaboa”. A segunda parcela do monte San Martín (de
139,91 Has.) ocuparíase xa polos militares a mediados do século XX, mediante
unha escritura de cesión gratuida que otorgou ó seu favor o Concello de
Pontevedra no ano 1966.
E podedes preguntarvos: ¿por qué non importa o tempo?, pois porque os
montes veciñais son IMPRESCRIPTIBLES, é dicir,
ninguén pode gañar o dominio dun monte veciñal pola súa posesión continuada o
longo do tempo. Pero é máis, esta nota característica dos montes veciñais é
innata ós mesmos, é dicir: son imprescriptibles DENDE SEMPRE, como dí o noso
Tribunal Superior de Xustiza de Galiza “se perde na noite dos tempos”.
Pois ben, antes de presentar a
demanda da CMVMC de Salcedo ante os Xulgados de primeira instancia de
Pontevedra, houbo que facer un
laborioso traballo de investigación documental e técnico, que neste caso correu
a cargo do Enxeñeiro Angel Bravo Portela, que atopou unha abundantísima
documentación histórica que constataba que o monte San Martín foi aproveitado
dende tempo inmemorial polos veciños da parroquia de Salcedo. Por salientar a
mais importante, podemos relacionar:
.- O Catastro do Marques da
Ensenada de 1752, que xa describe a delimitación perimetral da entonces
feligresía de Salcedo (cando o Concello de Pontevedra nin sequera existía), e
relacionaba e describía o monte San Martín (con outro nome) no epígrafe dos
“Emolumentos do común” desa feligresía de Salcedo.
.- O Expediente de Excepción de
Venta que se tramita ó longo da segunda metade do século XIX, que foi
incoado polo Concello para excluir do proceso desamortizador e, por ende, da
venta en pública subasta, entre outros, do monte San Martín de Salcedo, precisamente por ser aproveitado polo común
de veciños desa parroquia e servir de sustento á sua precaria economía
doméstica, pois sen os seus aproveitamentos non poderían subsistir.
.- E finalmente os expedientes de denuncia por
pastoreo e roza de esquilmes que tramitou o Distrito Forestal dende 1939 a 1960, frente ós
veciños da parroquia de Salcedo, cuia economía doméstica seguía dependendo
enormemente do pastoreo e recollida de esquilmes no monte veciñal. Como
declararon as testemuñas no xuizo promovido pola CMVMC, a pesar das sancións
que o Distrito impuña polos aproveitamentos que facían no monte, os veciños
tiñan que facelos igualmente, pois “eran os anos da fame”.
Frente a demanda presentada pola CMVMC
de Salcedo ante os Xulgados de Primeira Instancia de Pontevedra, se opuso o Ministerio de Defensa,
afirmando que era dono das 172,5 Has. do monte San Martín, en virtude de cesión
gratuita que lle fixo no seu día o Concello de Pontevedra, tendo gañado o seu
dominio por usucapión extraordinaria de 30 anos. Sorprendentemente,
tamén se opuso O Concello de Pontevedra, dicindo que efectivamente él era o
dono do monte cando fixo as cesións ó Estado.
Pois ben, tras celebrarse o xuizo, -onde
tiveron unha salientable intervención tanto o perito Angel Bravo, como as
testemuñas que declararon, todos eles de idade avanzada, que inda a día de hoxe
siguen aproveitando o monte ocupado polos militares levando o gando e collendo
toxo para facer esquilme-, a xueza
dictou sentenza de data 20-9-2011 pola que estimou a demanda presentada
(sen facer expresa imposición de costas), por entender que os terreos
reclamados pertencen a CMVMC de Salcedo, por ser aproveitados desde tempo
inmeorial polo común dos veciños desa parroquia.
Esta sentenza deviu firme porque, ainda que o Abogado do
Estado recurriu en apelación a mesma, esqueceuse de persoarse no prazo
requerido ante a Audiencia Provincial de Pontevedra e, a pesar dos recursos que
presentou, incluido un incidente de nulidade de actuacións, a Audienca
mantívose firme na súa primeira resolución na que declarou deserto o citado
recurso de apelación. Pola súa banda, o Concello de Pontevedra procedeu a
desistir do seu recurso de apelación, que xa só interpusera frente a decisión
da Xueza de declarar a nulidade das cesións que fixo no seu día ó favor do Estado.
Neste tipo de reclamacións, unha vez
que se dicta sentencia firme declarando a titularidade veciñal sobre os terreos
ocupados pola Administración, a
regularización da ocupación ilegal pode facerse de dos xeitos:
.- pola vía da expropiación dos
terreos ocupados (amparada no artigo 6 da Lei 13/89), co consecuente pago
do xustiprecio á Comunidade de montes propietaria, como se fixo no caso da
ocupación do monte Cotogrande da CMVMC de Cabral polo aeroporto de Peinador.
.- ou ben pola vía do outorgamento dunha cesión de uso
dos terreos ocupados (amparada no artigo 5 da mesma Lei 13/89), por parte da
Comunidade propietaria, como se está facendo no caso da ocupación do monte San
Martín da CMVMC de Salcedo a favor do Ministerio de Defensa, que chegaron ó acordo
de cesión de dúas parcelas da superficie conxunta de 64,5 de Has, así como a
devolución íntegra da posesión á Comunidade de Salcedo da parcela restante de 108
Has, anteriormente destinada a campo de maniobras.
De tal xeito, que
a Comunidade montes de Salcedo, tras presentar a súa demanda contra o
Ministerio de Defensa, non só pasará a cobrar un canon anual polo monte cedido,
senon que pasa a recuperar unha ampla porción de monte veciñal para o seu
aproveitamento exclusivo, que antes só tiña reducido a 14 has. clasificadas
polo Xurado de Montes.
Pois ben, a pesar de toda a mala
fama que as veces nos botan ós avogados (dicindo que se somos uns “peseteiros”,
“liantes” e demáis), eu podo afirmar, sen ningún tipo de rubor, que me sinto
orgullosa de exercer esta profesión, pois me permitiu por un pequeno grao de
area no proceso de recuperación polos veciños de Salcedo do seu monte veciñal
en man común, que lle fora arrebatado hai mais dun século polos militares.
E por suposto, só me resta felicitar á Comunidade de montes de Salcedo e, en
concreto, ó seu Presidente Fernando Pintos e ó resto de membros da súa Xunta
Rectora, pola súa valentía e coraxe mais que demostrados ó longo deste proceso,
pois tiveron se padecer fortes presións de distintos colectivos de todo tipo,
incluso da suá propia veciñanza, pois os propios comuneiros de Salcedo non
tiñan tan claro, como sí o tiñan o seu Presidente e o resto da Xunta rectora,
que este proceso se podía gañar.
Por todo iso, prego un forte aplauso para a Comunidade de montes de
Salcedo, o seu Presidente Fernando Pintos e os membros da Xunta Rectora desta
comunidade aquí presentes.
Lugo, 10 de maio de 2014
No hay comentarios:
Publicar un comentario