Buscar este blog

domingo, 11 de mayo de 2014

HOMENAXE Á COMUNIDADE DE MONTES DE SALCEDO (PONTEVEDRA) POLA SÚA DEFENSA DO SEU MONTE VECIÑAL, NO V CONGRESO GALEGO DE COMUNIDADES DE MONTES CELEBRADO NO PAZO DA DEPUTACIÓN DE LUGO O 10 DE MAIO DE 2014




Chámome Cristina Bugarín  e traballo dende hai 17 anos no Despacho de Abogados de Calixto Escariz, levando principalmene procedementos xudicias en defensa dos montes veciñais.

Destacar que a reclamación do monte veciñal de Salcedo ocupado polas instalacións do cuartel da BRILAT en Pontevedra (cunha superficie, de nada mais e nada menos, de 172,5 Has.), é a terceira reclamación deste tipo que gañamos neste despacho de abogados ante os Tribunais de Xustiza.

Como sabedes, a primeira demanda deste tipo que presentei foi no ano 2005 en reclamación do monte “Madroa” da Comunidade de Teis (Vigo), ocupada polas instalacións do Zoo do Concello de Vigo e, a segunda, foi no ano 2008 en reclamación do monte “Cotogrande” da Comunidade de Cabral (Vigo), ocupado polas instalacións do aeropuerto de Vigo do Ministerio de Fomento e AENA. As dúas reclamacións foron estimadas polos tribunales de Xustiza, despois dun longo procedemento xudicial no primeiro caso e mais curto no segundo.

O primeiro que temos que ter claro nos casos de ocupacións de montes veciñais con instalacións públicas e que a Administración só negocia, só está disposta a chegar a un acordo amistoso, cando hai unha sentencia xudicial que dí que a CMVMC é a propietaria dos terreos que está ocupando a Administración.

Tedes que ter en conta que a Administración está obrigada por Lei a defender a titularidad pública dos terreos que ocupa e, polo tanto, non vale a pena estar perdendo o tempo en reunións cos distintos cargos políticos de turno sobre un posible acordo amistoso, que supoña o recoñecemento da propiedade veciñal sin pasar por un procedemento xudicial. Todo o tempo e esforzo que se invirta nese posibe acordo amistoso será de balde, pois a Administración non pode recoñecer sin mais a titularidade veciñal dun terreo que está ocupando, senon que se necesita unha sentencia xudicial que así o dispoña.

Cando Fernando Pintos, Presidente da Comunidade de montes de Salcedo, chegou o noso despacho no ano 2009 para que lle reclamáramos o monte San Martín ocupado polos militares durante máis dun século, esta idea captouna o instante. Tamén é certo que os veciños de Salcedo viñan padecendo durante moitos anos a intervención dos militares no seu monte veciñal, que o “usurparon” prácticamente na súa totalidade (pois do monte San Martin só deixaron libre 14 has., que son as que clasificou o Xurado de montes de Pontevedra como veciñal en man común), intervención que chega a desbordar a paciencia dos veciños cando no ano 2007 o Ministerio de Defensa aproba unha desorbitante ampliación da franxa de seguridade dos terreos do cuartel, que supuña deixar afectadas unha gran cantidade de terreos e viviendas que se atopan no entorno do perímetro ocupado polos militares, o que provocou a chispa que fixo estallar o levantamento dos veciños contra a ocupación militar e dixeron: BASTA, ATA AQUÍ CHEGAMOS, NON SÓ NON IMOS A PERMITIR QUE AFECTEDES AS NOSAS VIVENDAS, SENON QUE IMOS A RECLAMAR O NOSO MONTE VECIÑAL.


A segunda cuestión que debedes ter en conta e que non importa o tempo que leve ocupando a Administración os vosos montes veciñais. No caso do monte de Salcedo a ocupación se remontaba a finais do século XIX, en virtude dunha “orde telegráfica” do Ministerio da Guerra do ano 1898, pola que se procedeu a ocupación de 32,5 Has. do monte San Martin (xunto con outra ocupación de monte veciñal da parroquia de Figueirido), co consentimento dos “Alcaldes de Pontevedra y Vilaboa. A segunda parcela do monte San Martín (de 139,91 Has.) ocuparíase xa polos militares a mediados do século XX, mediante unha escritura de cesión gratuida que otorgou ó seu favor o Concello de Pontevedra no ano 1966.

E podedes preguntarvos: ¿por qué non importa o tempo?, pois porque os montes veciñais son IMPRESCRIPTIBLES, é dicir, ninguén pode gañar o dominio dun monte veciñal pola súa posesión continuada o longo do tempo. Pero é máis, esta nota característica dos montes veciñais é innata ós mesmos, é dicir: son imprescriptibles DENDE SEMPRE, como dí o noso Tribunal Superior de Xustiza de Galiza “se perde na noite dos tempos”.

Pois ben, antes de presentar a demanda da CMVMC de Salcedo ante os Xulgados de primeira instancia de Pontevedra, houbo que facer un laborioso traballo de investigación documental e técnico, que neste caso correu a cargo do Enxeñeiro Angel Bravo Portela, que atopou unha abundantísima documentación histórica que constataba que o monte San Martín foi aproveitado dende tempo inmemorial polos veciños da parroquia de Salcedo. Por salientar a mais importante, podemos relacionar:

.- O Catastro do Marques da Ensenada de 1752, que xa describe a delimitación perimetral da entonces feligresía de Salcedo (cando o Concello de Pontevedra nin sequera existía), e relacionaba e describía o monte San Martín (con outro nome) no epígrafe dos “Emolumentos do común” desa feligresía de Salcedo.

.- O Expediente de Excepción de Venta que se tramita ó longo da segunda metade do século XIX, que foi incoado polo Concello para excluir do proceso desamortizador e, por ende, da venta en pública subasta, entre outros, do monte San Martín de Salcedo,  precisamente por ser aproveitado polo común de veciños desa parroquia e servir de sustento á sua precaria economía doméstica, pois sen os seus aproveitamentos non poderían subsistir.

.- E finalmente os expedientes de denuncia por pastoreo e roza de esquilmes que tramitou o Distrito Forestal dende 1939 a 1960, frente ós veciños da parroquia de Salcedo, cuia economía doméstica seguía dependendo enormemente do pastoreo e recollida de esquilmes no monte veciñal. Como declararon as testemuñas no xuizo promovido pola CMVMC, a pesar das sancións que o Distrito impuña polos aproveitamentos que facían no monte, os veciños tiñan que facelos igualmente, pois “eran os anos da fame”.
           

Frente a demanda presentada pola CMVMC de Salcedo ante os Xulgados de Primeira Instancia de Pontevedra, se opuso o Ministerio de Defensa, afirmando que era dono das 172,5 Has. do monte San Martín, en virtude de cesión gratuita que lle fixo no seu día o Concello de Pontevedra, tendo gañado o seu dominio por usucapión extraordinaria de 30 anos. Sorprendentemente, tamén se opuso O Concello de Pontevedra, dicindo que efectivamente él era o dono do monte cando fixo as cesións ó Estado.

Pois ben, tras celebrarse o xuizo, -onde tiveron unha salientable intervención tanto o perito Angel Bravo, como as testemuñas que declararon, todos eles de idade avanzada, que inda a día de hoxe siguen aproveitando o monte ocupado polos militares levando o gando e collendo toxo para facer esquilme-, a xueza dictou sentenza de data 20-9-2011 pola que estimou a demanda presentada (sen facer expresa imposición de costas), por entender que os terreos reclamados pertencen a CMVMC de Salcedo, por ser aproveitados desde tempo inmeorial polo común dos veciños desa parroquia.

Esta sentenza deviu firme porque, ainda que o Abogado do Estado recurriu en apelación a mesma, esqueceuse de persoarse no prazo requerido ante a Audiencia Provincial de Pontevedra e, a pesar dos recursos que presentou, incluido un incidente de nulidade de actuacións, a Audienca mantívose firme na súa primeira resolución na que declarou deserto o citado recurso de apelación. Pola súa banda, o Concello de Pontevedra procedeu a desistir do seu recurso de apelación, que xa só interpusera frente a decisión da Xueza de declarar a nulidade das cesións que fixo no seu día ó favor do Estado.

Neste tipo de reclamacións, unha vez que se dicta sentencia firme declarando a titularidade veciñal sobre os terreos ocupados pola Administración, a regularización da ocupación ilegal pode facerse de dos xeitos:

.- pola vía da expropiación dos terreos ocupados (amparada no artigo 6 da Lei 13/89), co consecuente pago do xustiprecio á Comunidade de montes propietaria, como se fixo no caso da ocupación do monte Cotogrande da CMVMC de Cabral polo aeroporto de Peinador.

.- ou ben pola vía do outorgamento dunha cesión de uso dos terreos ocupados (amparada no artigo 5 da mesma Lei 13/89), por parte da Comunidade propietaria, como se está facendo no caso da ocupación do monte San Martín da CMVMC de Salcedo a favor do Ministerio de Defensa, que chegaron ó acordo de cesión de dúas parcelas da superficie conxunta de 64,5 de Has, así como a devolución íntegra da posesión á Comunidade de Salcedo da parcela restante de 108 Has, anteriormente destinada a campo de maniobras.

De tal xeito, que a Comunidade montes de Salcedo, tras presentar a súa demanda contra o Ministerio de Defensa, non só pasará a cobrar un canon anual polo monte cedido, senon que pasa a recuperar unha ampla porción de monte veciñal para o seu aproveitamento exclusivo, que antes só tiña reducido a 14 has. clasificadas polo Xurado de Montes.

Pois ben, a pesar de toda a mala fama que as veces nos botan ós avogados (dicindo que se somos uns “peseteiros”, “liantes” e demáis), eu podo afirmar, sen ningún tipo de rubor, que me sinto orgullosa de exercer esta profesión, pois me permitiu por un pequeno grao de area no proceso de recuperación polos veciños de Salcedo do seu monte veciñal en man común, que lle fora arrebatado hai mais dun século polos militares.

E por suposto, só me resta felicitar á Comunidade de montes de Salcedo e, en concreto, ó seu Presidente Fernando Pintos e ó resto de membros da súa Xunta Rectora, pola súa valentía e coraxe mais que demostrados ó longo deste proceso, pois tiveron se padecer fortes presións de distintos colectivos de todo tipo, incluso da suá propia veciñanza, pois os propios comuneiros de Salcedo non tiñan tan claro, como sí o tiñan o seu Presidente e o resto da Xunta rectora, que este proceso se podía gañar.

Por todo iso, prego un forte aplauso para a Comunidade de montes de Salcedo, o seu Presidente Fernando Pintos e os membros da Xunta Rectora desta comunidade aquí presentes.


Lugo, 10 de maio de 2014